2 ene 2013

A hora galega


Celebrei a entrada do Aninovo cheo de pesimismo, coma a maioría do colectivo de desempregados de futuro incerto ao que pertenzo, no contexto marcado pola loita social contra os recortes que impoñen xerarcas europeos, españois e galegos. Iso si, eu apunteime á Televisión Pública Portuguesa para escoitar as badaladas que anunciaron a entrada no 2013 pola hora natural galega.

A cuestión da hora na Galiza non é un asunto baladí. É outro produto máis do colonialismo. Xeograficamente atopámonos no fuso horario que corresponde a Irlanda, a Portugal ou ás Illas Canarias (UTC 00:00). Porén desde Madrid, disque por cuestións administrativas de difícil comprensión, mándannos comungar co fuso adoptado polo estado (que por certo tampouco é o que lle corresponde, mesma hora en Madrid que en Praga?).

Botada as contas que queirades, usade os ábacos máis avanzados, pero aforro enerxético non hai ningún. Administrar varios fusos horarios nun mesmo estado territorial tampouco é pega, como se demostra en EUA (de UTC -5 a UTC -10), Brasil (de UTC -4 a UTC -2), Rusia (de UTC +3 a UTC -2), Australia (de UTC +8 a UTC +10) e outros moitos exemplos que podedes comprobar.

Con iso quero sumarme as voces que reclaman unha hora menos para Galiza?

De ningún xeito. Non. Nunca por detrás de España. Na Galiza, hora galega: 23 horas máis ca hora española.

No hay comentarios:

Publicar un comentario