1 ene 2013

Barreiros e o Diploma do Rei Silo


Fai poucos días a prensa facíase eco das iniciativas do colectivo Irmandade Augas Santas, que traballa para poñer en valor a riqueza etnográfica e paisaxística do concello de Barreiros así como para afondar na historia local. Xesús Seivane, un dos promotores da agrupación, facía referencia ao famoso documento coñecido como Diploma do Rei Silo ou tamén como o Celeiro.

A importancia deste escrito radica na súa antigüidade. Datado no ano 775 convertese no documento histórico máis antigo conservado na Península Ibérica. A transcendencia que ten para a cronoloxía local é maiúscula, dado que nel cítase o lugar de Lucis que moitos investigadores identifican coa parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos. O orixinal pertence na actualidade á Colección Documental do Arquivo Eclesiástico da Catedral de León. O único xeito de ver unha copia na rede e a través da web de Xesús Seivane. que ofrece copia do orixinal, así como tradución ao inglés, francés, castelán e galego.

O Diploma Silonis Regis supuxo o nacemento da diplomacia no Medievo. O contido, a xeito de resume, fai alusión a unha dación a favor do abade Esperaután, previa solicitude dos presbíteros Pedro, Alvito e Valentino, e dos conversos Alante e Lubino. Mediante el reciben o "cellario" que posúe en Lucis, incluídos dous castelos, para que funden un mosteiro e roguen pola salvación da súa alma.

Sobre a localización xeográfica do citado mosteiro, o escrito di:

"... in cellarium nostro q. est inter iube et masoma inter ribulum alesancia et mera locum que dicitur lucis determinatum de ipsa uilla ubi ipse noster mellarius habitauit espasaudus et per illum pelagum nigrum et justa montem que dicitur farum et per illas sasas aluas et perilla lacuna usqua in alia lacuna est usque ad petra ficta et per illa lagenam et per ipsum uillare que dicitur desiderii et per illum arogium que dicitur alesanciam et per alia petra ficta q. stat in montem super tabulata per ipsa strata q. sclude terminum usque in locum que dicitur arcas et arogium que dicitur comasio cum omnen exitus et regreso castros duos..."

Atendendo aos topónimos facilmente identificables, deducimos que o territorio está enclavado entre as marxes do río Eo (Iube) e do Masma (Masoma), o arroio As Anzas (Alesancia, hoxe Río Grande) e o río Meira (Mera). A zona é moi extensa e a precisión do lugar exacto da construción do mosteiro aínda é obxecto de discusións entre historiadores, pero no que si concordan a maioría é que estaría enclavado no termo municipal do actual Barreiros.

Bibliografía básica:

García Leal, Alfonso: "El Diploma del Rey Silo" (contén unha magnifica copia do orixinal)


No hay comentarios:

Publicar un comentario