10 mar 2013

O rock en galego é cultura galega

Imaxe: INDIXENISMOGZ

O venres pasado tiven a ocasión de escoitar aos Zënzär na súa merecida homenaxe por 25 anos resistindo no rock galego, celebrado na sala Capitol de Compostela. Tamén recibín, por primeira vez en directo, a brutal descarga de decibelios de Machina e de Invivo. A Machina xa os coñecía de fai tempo, a Invivo  non tanto. Ámbalas dúas bandas demostraron a súa calidade e, alúmenos a min, fixéronme reflexionar sobre este o noso País.

A desgraza de Machina e de Invivo, e a doutras moitas máis bandas de rock galegas, é ter nacido na Galiza. Se houbesen parido o seu proxecto musical en Londres ou en Madrid xa serían estrelas na constelación roqueira internacional. Mais eles son galegos e asumen tal condición.

O problema, coma sempre, ven dado da falta de apoio e de promoción por parte de tódolos estamentos relacionados co eido cultural galego que son incapaces de recoñecer este estilo musical como unha parte máis da cultura propia.

E non falo só da TVG e da Radio Galega (onde resiste como pode Planeta Furancho). Falo de Festivais organizados por asociacións, colectivos ou grupos políticos onde as primeiras bandas nos carteis son bascas, portuguesas ou a Banda Bassotti.

Foto: JUAN LUIS RÚA
Falo de Institucións que, como a Academia Galega, que mira para outro lado e seguen ancladas no pasado. Vai sendo hora de que lle dean unha cadeira a un tipo coma Bocixa Rei que é capaz de dignificar o rock galego. E non pido un Día das Letras Galegas para un músico de rock galego porque, coa política aplicada pola Academia, non coñezo ningún que morrese (aínda que os haberá, ou se cadra é certo aquelo dos vellos roqueiros).

Falo da ignorancia de quen ten cargos de poder no Bloque, en Anova e noutras formacións que din estar comprometidas coa cultura da nación e que non son capaces de citarme cinco bandas de rock galego si lles elimino aos Zënzár e aos Ruxe-Ruxe.

Todos eses que tanto falades de cultura, xa vai sendo hora de que vos poñades ao día. Galiza é unha sementeira de bandas de rock en galego, facede o favor de recoñecer este traballo e erguelo á categoría de Cultura con maiúsculas.

Pola miña banda, non penso asistir nunca máis a un festival (incluído o Festigal) onde a primeira banda do cartel (con letras ben grandes e non agochada nun recuncho) non sexa galega.

4 comentarios:

  1. Que grandes verdades!
    É unha pena que os grupos galegos non teñan o recoñecemento que deberían polo mero feito de ser da nosa terra.

    Aínda mo comentou o outro día un amigo: "Non entendo como Machina non son máis coñecidos a nivel nacional e incluso internacional, porque vaia voz ten o cantante, e que calidade os demáis membros da banda". E niso concordo totalmente con el, ademáis da humildade e entusiasmo coa que dan cada concerto. E coma o caso de Machina, moitas outras bandas galegas...

    Un saúdo!

    ResponderEliminar
  2. Entendo que aqueles grupos galegos, formados por galegos, que amosan a sua obra por Galiza adiante, pero que non canten en galego tamen terán a consideración de cultura galega.
    Un saúdo

    ResponderEliminar