Igrexa Parroquial. Foto: Xesús Seivane. |
Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme e Parroquia de San Pedro.
Localidade de terreo sumamente accidentado, con grandes extensións de montes plantados de pinos e eucaliptos e un frondoso val, no que se atopa a igrexa parroquial. O disperso dalgúns lugares fixo que se ergueran capelas para a devoción popular, todas elas coa súa típica festa anual.
Igrexa Parroquial de San Xulián de Cabarcos.
Construída no século XVIII e consta de nave con dúas capelas laterais, capela maior e sacristía detrás. Á dereita da fachada principal torre dun só corpo rematada por cúpula semiesférica e catro bolas. Súbese a ela por escaleira de caracol. Recentemente o templo, na súa nave e capelas laterais, foi dotado de bóveda de medio canón con arcos de faixa, montado todo sobre cornixas. A capela maior conservou o seu primitivo artesanado, moi sinxelo, de madeira. Pavimento de lastras. Pila de auga bendita de pedra xunta á entrada principal, que ten porta de arco adintelado.
Presbiterio.
Retablo maior de finais do século XVIII, xaspeado e dourado e con detalles rococó. Dous corpos de orde composto. No primeiro sagrario con Agnus Dei na porta e aos lados San Pedro e San Paulo, da mesma época que o retablo. No segundo corpo, San Xulián, época do retablo. Remate de emblema trinitario con catro cabezas de anxos e raios. Dous anxos de corpo enteiro aos lados.
Capela lateral dereita.
Retablo moderno dórico con imaxes modernas e San Antón, século XVII.
Muro lateral dereito da nave.
Imaxe de San Miguel, popular, sen as e dragón aos pés. Cristo, século XVIII, colocado xunto á entrada.
Capela lateral esquerda.
Retablo do ano 1905, con tres imaxes de vestir. Sobre a mesa de altar San Xoán Bautista sobre caveira, século XVIII, e San Xoán Bautista, século XIX.
Muro lateral esquerdo da nave.
Virxe do Rosario, século XVI, moi repintada; a Virxe e o Neno levan coroas de prata do século XVII.
Sacristía.
Capa pluvial floreada, século XVIII, seda murciana. Cáliz, século XVII, con debuxos cicelados en pé e nó. Cáliz sinxelo de prata. Custodia, século XVIII, sinxela, cunha cabeza de anxo sobrevoadora, Cristo con sol e lúa no anverso e a Inmaculada no reverso. Inscrición: “Baldomero Maseda”.
Cemiterio contiguo.
No mesmo, pila bautismal antiga do templo, lisa, de pedra de granito.
San Sebastián. Foto: Xesús Seivane. |
Situada no alto do montículo chamado A Rilleira, no medio dun frondoso eucaliptal. Alí celébrase típica romaría o domingo seguinte ao 20 de xaneiro e o domingo seguinte ao 15 de agosto. Forma rectangular con espadana dun so corpo, reconstruída en 1955. Pila de auga bendita de pedra xunto á entrada. Retablo dun só corpo dórico popular, pintado ao óleo e procedente da igrexa parroquial. Virxe da Aparral, fermosa imaxe sedente, século XII, con Neno, moi repintada. Ao carón, San Sebastián popular e San Xulián popular, procedente da igrexa parroquial. San Sebastián popular de bicar. Curiosas lendas populares sobre a aparición da imaxe da Virxe na Idade Media.
Capela da Virxe do Pilar.
Situada nun pradería con precioso fondo de eucaliptos e pinos, lugar de Gondán. Pequeno pórtico rústico e espadana en vano. Pavimento de lastras. Retablo popular dórico, pintado ao óleo, e nel a Virxe de vestir, con coroa de prata. Aos lados, San Xosé popular vestido e Santiago Apóstolo, de xeonllos, popular, vestido.
Capela da Virxe do Carme (Vilamartín Grande).
Fundada no século XVII e reconstruída totalmente nos últimos anos. Unha nave moderna con espadana e bolas na fachada. No presbiterio, mesa de altar feita coas pedras da antiga espadana. Camarín central con Virxe de vestir e aos lados Virxe da Mercede con tres cabezas de anxos nos pés, século XVIII, e Virxe do Carme con San Xoán da Cruz e Santa Tareixa de xeonllos aos lados, século XVIII.
Santa Ana. Foto: Xesús Seivane. |
Retablo barroco de finais do século XVII, de dous corpos, con columnas salomónicas, sen imaxes.
Muro esquerdo.
Lápida de lousa de fundación de obras pías na capela. É do ano 1962. Cáliz de prata sen decorar con inscrición ao pé: “Don Salvador Menéndez, año de 1962”.
Capela de Santa Ana.
Situada no lugar da Insua, edificación rústica rectangular con espadana dun só corpo, pavimento de vellas baldosas vermellas e un arco triunfal de medio punto. Retablo popular con Santa Ana de vestir, Santa Lucía, popular, pintada ao óleo, e San Xosé, popular do século XVII.
Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965
No hay comentarios:
Publicar un comentario