9 jun 2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. VI. San Miguel.

Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro, Parroquia de Cabarcos, Parroquia de San Xusto e Parroquia de Celeiro.

Igrexa parroquial.

Consta dunha nave con cruceiro e sacristía de dúas plantas detrás da capela maior. Ante a fachada principal, unha torre de dous corpos e espadana dun só corpo, esta sobre o muro de fronte da sacristía. Sobre a porta principal, lápida de dedicación. Retablo maior de principios de século con imaxe de Santiago a cabalo, con figura deitada ao pé, século XVIII. Retablo dereito, barroco de tres corpos con estípites e imaxes de San Xosé, San Ramón Nonnato, San Miguel, Santa Ana e San Isidro Labrador, todas do século XVIII. Retablo esquerdo, barroco de dous corpos e estípites, imaxes de San Xosé, popular do século XVII, San Roque, popular, O Salvador, século XVI; San Sebastián, século XVIII, e o Santo Apóstolo, de bo estofado, século XVIII. No brazo dereito do cruceiro, lápida de pedra con inscrición.

Sacristía.
Cruz parroquial de prata cicelada con debuxos de cabuxóns e no reverso San Miguel, de finais do século XVII. Imaxes de San Pedro e San Paulo, do século XVIII, de carácter moi rexional, pintadas ao óleo. San Sebastián, popular. San Roque, popular. Virxe do século XVIII, talla imitando imaxe vestida. Santiago peregrino. Inmaculada popular de bicar. Cristo do século XIX. Cáliz de prata sobredourada e cicelada, de finais do século XVII e inscrición: “Diole de limosna a la iglesia parroquial de San Miguel de Reinante don Felipe de O Rego Soto”. Cáliz moderno, de prata sobredourada. Reloxo de péndola real, século XIX. Custodia de prata sobredourada, pé rococó, e para alta con anxos e raios. Cáliz renacentista, de prata.


Capela de Santo Estevo.

No lugar da Barranca, con pórtico rústico, pequena espadana dun só vano, nave cuberta de madeira a dúas augas, arco triunfal lixeiramente apuntado e capela maior cadrada. Retablo dun só corpo, plateresco, popular, repintado, con tres nichos recompostos, con Santo Estevo no centro, de principios do século XVIII, con dalmática e un escrito en latín na mesma. Aos lados, Inmaculada popular, século XVII, sobre media lúa e cabeza de anxo; e San Rosendo, popular. Cruz procesional de metal, lisa, século XVIII, con Inmaculada no reverso. Imaxe popular de Santo Estevo de bicar.

Casas con escudo nos barrios de Outeiro, Pumarín e Pumarrubin. Ruínas dunha capela. Dúas mámoas.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.

No hay comentarios:

Publicar un comentario