30 may 2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. IV. San Xusto.

Igrexa Parroquial. Foto: Xesús Seivane.

Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a direción de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro e Parroquia de San Xulián.

Igrexa Parroquial de San Xusto.

Construída no século XVI e reformada posteriormente. Unha nave con dúas capelas laterais, capela maior e sacristía detrás, comunicada con esta por dúas portas. Dous arcos de faixa na nave e arcos ante as capelas laterais. Teito moderno, baixo o primitivo, e na capela maior teito en forma de bóveda de arestas, feita recentemente con madeira.
Dependencias adosadas ao muro esquerdo do templo. Na fachada principal, espadana de dous corpos e tres vanos, á que se accede por unha escaleira adosada ao muro lateral dereito. Porta adintelada. Pavimento de lastras do país. Pila de auga bendita semiesférica adosada xunto á porta. Pequena espadana sobre o muro da sacristía.

Presbiterio.
Retablo barroco rexional de dous corpos, coroado cun gran frontón, tons azulados, vermellos fortes e molduras douradas. O primeiro corpo leva cinco nichos e seis columnas salomónicas, e no centro sagrario dourado con catro columnas pequenas e porta con custodia en relevo. Sobre o sagrario, San Roque, popular. Ao carón, San Xusto, San Pastor, San Andrés e San Antón de Padua, con bo estofado e repintadas as cabezas e as mans. No segundo corpo, das mesmas características que o primeiro, leva as seguintes imaxes: Santiago Apóstolo sedente, Santo Domingo de Guzmán, San Miguel Arcanxo, San Roque e San Rafael, todas de bo estofado e repintadas caras e mans.
Coroando o retablo, semicírculo con imaxe do Pai Eterno rodeado de nove cabezas de anxos. Oito anxos de corpo enteiro aos lados.
No banco, inscrición incompleta “...acordada construcción año de 1775”.
Aos lados do retablo dous camaríns neogóticos con Virxe de vestir e Santa Filomena, talla recente.


Capela da Rilleira. Foto. Xesús Seivane.
Capela lateral dereita.
Retablo neogótico sen dourar con Dolorosa de vestir e as tallas recentes de San Xusto e San Pastor. A un lado, San Tareixa de vestir.

Man dereita da nave.
Retablo típico do Renacemento con imaxe de vestir.

Capela lateral esquerda.
Retablo neogótico semellante ao frontal con imaxe de vestir, e aos lados San Venancio e San Antón, esculturas modernas.

Muros laterais do presbiterio.
Dous retablos iguais, modernos, de tipo Renacemento, con Corazón de Xesús no esquerdo e no dereito Inmaculada de vestir do século XIX. San Xusto de bicar, barroco.

Sacristía.
Imaxe popular de San Sebastián. Virxe de vestir. Cáliz de prata sen dourar, século XVIII, con marca NEZ. Cruz parroquial de prata repuxada sen dourar, estilo Renacemento, armazón de madeira e cravadas as pranchas. No anverso, Cristo con sol e lúa e símbolos dos catro evanxelistas. No reverso, Virxe con Neno e os catro profetas maiores. Incensario de prata, século XVIII. Cinco floreiros brancos de Sargadelos.

Capela da Nosa Señora do Bo Suceso.

Rectangular, unha nave cuberta a dúas augas e sinxela espadana na fachada. Ruinosa e sen uso nin enseres artísticos. Atópase próxima a igrexa parroquial.

Capela de San Antón.

Situada no lugar do Val do Caínzo, nun pintoresco lugar no medio dunha pradería. Rectangular, cuberta a dúas augas, porta con dintel e tres sinxelos óculos na fachada. Espadana dun só corpo cun so vano e dúas puntas de diamante aos lados. Pavimento de lastras. Retablo moderno dun só corpo e de orde dórico, con Inmaculada de vestir no centro, e aos lados, San Antón popular, e San Xosé, século XVIII, ambas esculturas repintadas. San Antón popular de bicar. En pedestal xunto á porta, San Caetano, século XVIII, e Santa Filomena, século XVII, con coroa de madeira e bo estofado. Pila de auga bendita de pedra semiesférica xunta á porta.


Santa Isabel. Foto: Xesús Seivane.
Capela de San Xulián e Santa Isabel.

Levantada a principios deste século sobre outra anterior no lugar de Vilamar. Rectangular, con sinxela espadana sobre a fachada principal. Retablo neogótico moderno, sen dourar, con Inmaculada de vestir, e as tallas modernas de San Xulián e San Xoán Bautista. San Xulián de bicar, popular. San Blas, popular, pintado ao óleo. San Antón popular, con hábito azul e vermello. Incensario gótico de metal amarelo, século XVI.

Capela da Fundación Rancaño.

Situada no lugar de Ladrido, ano 1920. Moderna e sen valor.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.

No hay comentarios:

Publicar un comentario