22 feb 2013

Sobre a fusión en frío de Barreiros e Lourenzá


Resúltame interesante o debate aberto polo alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente (PP) sobre unha hipotética fusión co concello veciño de Lourenzá. De feito subscribo a parte rebelde do seu comunicado: "non podemos agardar a ver que é o que nos impoñen desde Madrid ou que é o que nos impoñen desde outros sitios". Por "outros sitios" entendo Xunta de Galiza que é a promotora principal destas iniciativas, aplicándolles unha política de discriminación positiva segundo manifestou Alfonso Rueda.

Curiosamente o alcalde barreirense non recibiu ningún apoio por parte dos concelleiros de ningunha formación política da Mariña, incluído o PP.

Persoalmente non estou a favor nin en contra. O evidente é que unha decisión deste calado tena que tomar a veciñanza e non hai ningún acordo plenario que poida darlle lexitimidade. Por outra banda, unha fusión non resolve ningún problema económico, todo ao contrario, o impacto posiblemente sexa negativo. Unha resolución cara a unha fusión hai que tomala baixo uns criterios de territorialidade e competencias moi ben definidos, estruturados e estudados e, por suposto, evitar decisións políticas que soen ser pouco coherentes.

Ordenacións territoriais na Galiza houbo moitas. Na miña opinión todas as que se fixeron a partir do ano 1833 foron malas. Deberiamos retroceder na historia e recuperar vellos modelos rexenerándoos e actualizándoos. Para os concellos, nin fusión, nin absorción, nin segregación; simplemente había que extinguir esa figura administrativa. Do mesmo xeito deberiamos operar coas Deputacións e coas Provincias. As tres formas de municipalismo non son máis que unha herdanza colonial.

A Parroquia Civil debería ser a primeira división administrativa do País, logo as Comarcas (ou grandes Cidades) e, por último, a Xunta de Galiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario