20 feb 2013

Alcaldía non é sinónimo de Cárcere


Pouco fixo falta para desmontar o que uns xa sabiamos, outros sospeitaban e os demais estaban en Babia. Desde as alcaldías do PPdeG non existe vocación de servizo público aos cidadáns. Un mito que eles mesmos se ocupan de tombar. Outra lenda urbana.

As verbas de Enma Álvarez, alcaldesa de Lourenzá, a propósito da nova Lei de Administración Local son demoledoras e impresentables: "moito terá que compensar para seguir nestas condicións".

Cando se aprobe a Lei, se a revolta dos edís populares non a para, Enma Álvarez verá reducido o seu salario en 11.174 euros. E non lle parece ben, considera que merece cobrar máis. Facendo memoria resulta que sentou na poltrona non por elección da veciñanza senón por renuncia do seu antecesor, Vidal Martínez-Sierra (que se buscou mellor vida e soldo no Parlamento da Galiza). Lembar que coa axuda do seu voto aprobouse un ERE na factoría de Muebles Hermida que supuxo un golpe mortal ao sector industrial do Concello e da Mariña e causou números despidos entre os seus veciños.

En calquera caso Alcaldía non é sinónimo de cárcere. Senón lle chega un soldo de 30.000 euros que colla a porta e que se incorpore á vida laboral. Estou seguro que non van faltar candidatos para á cadeira e queremos que Enma goce dunha felicidade plena na vida civil. Probablemente terá tempo libre para compatibilizar a labor profesional con algunha actividade altruísta a prol da veciñanza. Así xa ninguén pensará que estaba de alcaldesa pola pasta, como se fose unha mercenaria ao servizo do PPdeG.


(1) As verbas da alcaldesa de Lourenzá están recollidas en La Voz de Galicia. Pódese acceder copiando e pegando o seguinte enlace: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2013/02/19/regulacion-sueldos-provoca-terremoto-politico-marina/0003_201302X19C2991.htm?idioma=galego
Este blog non pon enlaces directos co xornal citado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario