24 ene 2013

Xan de Masma e o erro na Galipedia


Xan de Masma era o pseudónimo utilizado polo mindoniense Patricio Delgado Luaces. Decidido valedor da causa carlista, seguía neste senso o mesmo camiño que outros mindonienses sobranceiros: o bispo López Borricón, sen ir máis lonxe. A súa militancia a prol da bandeira de don Carlos VII valeulle ser encarcerado en 1872 no castelo de Santo Antón, na Coruña. Posteriormente sería desterrado a Cuba, onde desenvolveu un intenso labor literario.

Na Habana participou en varias empresas xornalísticas, destacando pola súa vinculación á revista Follas Novas, unha das principais publicacións dos emigrantes galegos na capital de Cuba. Sería precisamente nesta revista onde Xan de Masma publicaría por entregas a súa novela "¡A Besta!", entre 1899 e 1900. A novela de folletín foi un dos principais produtos culturais do século XIX, a este modelo de literatura recorreu tamén a prensa galega da Habana.

Xan de Masma faleceu na Habana o 25 de abril de 1900. Dato que corrobora Sixto Gómez Echemendía no seu libro "Vidas grabadas en la piedra. Gallegos en el Cementerio de Colón", no que ademais sitúa o lugar exacto do soterramento: Cuartel SE, cadro número 3, fila 16, fosa 7ª, cemiterio de Colón (A Habana).

E engade tamén que faleceu a idade de 47 anos, polo tanto, naceu no ano 1853; non como di a Galipedia, que sitúa o seu nacemento en 1850. Ademais tamén aporta o día exacto, o 6 de agosto, e nome da consorte, Manuela Santana.


No hay comentarios:

Publicar un comentario