20 dic 2012

O Colectivo Ollomao ergue o pano de "Os vellos non deben namorarse"


Este ano 2013 as letras galegas renderán merecido homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. O autor, director e actor de teatro compostelán (1950-2002) foi unha figura imprescindible no Teatro Galego e, polo tanto, en todo o sistema literario do país.

O 2013 eríxese por mérito propio no ano do Teatro Galego, aínda que se escoitan moitas voces profetizando a prematura morte das artes escénicas galegas. Polo ben de todos, agardemos que sexan tan atinadas como as de Nostradamus.

Na Mariña hai moita paixón polo teatro. Así o demostran a gran cantidade de grupos amateurs e profesionais que se espallan ao longo de toda a comarca, con éxito de público. A tradición ven de lonxe. O 23 de decembro, o Centro Dramático Galego presentará, en Ribadeo, "O Profesional" do serbio Dusan Kovascevic.

Mais o gran evento, a gran festa do teatro, chega das mans do Colectivo Cultural Ollomao, do Concello de Barreiros. A asociación dá vida a "unha iniciativa múltiple, aberta e plural que xurdiu ante a necesidade básica paras calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns". A militancia coa cultura galega véñeno demostrando desde fai anos, organizando diversas actividades por tódalas parroquias do municipio. Impulsando a cultura en galego desde calquera curruncho, marcando diferencias coa cultura institucionalizada e centralizada.

O Colectivo Cultural Ollomao vai estrear o ano 2013, facendo un chisco ao teatro, cun proxecto de calado. Presentarán en exclusiva unha nova revisión do clásico de Castelao "Os Vellos non deben namorarse". O elenco está formado por actrices e actores de Barreiros e arredores, e a dirección colectiva correrá a cargo de Comba Campoy e Ramón Casas. A cita será no Pavillón de San Miguel de Reinante, o venres 4 de xaneiro ás 21h. O prezo, simbólico, da entrada é de 2 euros, que contribuirá a financiar futuras actividades.

Nenas e nenos, mozas e mozos, donas e cabaleiros... o Colectivo Ollomao abre o pano da espectacular produción "Os vellos non deben namorarse" de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Marquen xa a data na súa axenda!


No hay comentarios:

Publicar un comentario