
Cristiáns, musulmáns e xudeus converteron a relixión nun perigo para a convivencia pacífica da humanidade. As tres crenzas son culpables de ter rachado a pluralidade do politeísmo para transformar o monoteísmo nun movemento intolerante e excluínte.
Bieito XVI volve chamar a pantasmas do pasado para convertelos en entes actuais, traballadores a prol do monoteísmo en auxe e xunguidos aos poderes políticos dos estados. O fanatismo é expansivo e virulento. A crenza exclusiva nun deus e o rexeite a outras deidades e a outros xeitos de pensar transpórtanos séculos cara atrás na convivencia social.
Non é preciso ollar moi lonxe. A exacerbación dogmática non está so detrás das accións violentas en territorios musulmáns, xudeus ou nos EUA. Témola no estado español, cun binomio, Rouco-Wert, que pretenden adoutrinar aos cativos desde a escola pública. Casos como o acontecido en Zas semellan o retorno de Torquemada á península ibérica.
Aos escépticos, agnósticos e ateos non nos van queimar en fogueiras, pero tampouco nos queren deixar ocupar moita parcela nunha sociedade na que se pretende impoñer a verdade e a moralidade monoteísta. Falou o Papa, falou deus.
No hay comentarios:
Publicar un comentario