
A xornada comezou a mediodía, cun bo xantar na Parrillada O Pozo de Meira e coa mala nova de que nin o road manager nin a presidenta do club de Anti-fans poderían acceder ao recinto penitenciario por cousas que ten a burocracia. Chegados á cárcere, aló polas 16:30h, houbo que pasar polas medidas de control establecidas: cacheos, arco detector, retirada de cámaras de fotos, vídeo e móbiles... Unha vez no interior a tensión palpábase no aire frío de Monterroso. As 17h é o momento da metadona e para crispar máis á poboación reclusa cancelouse o partido de fútbol sala previsto como actividade da xornada.
Abriu o concerto a banda residente, A Pulso, nacida entre as rellas da man do vigués Roberto (guitarra e voz), do ourensán Diego (batería) e do romanés Daniel (baixo). Interpretaron versións de Marea ou Manolo Kabezabolo, pero sobre todo destacaron por dous temas de autoría propia: o homónimo "A pulso" e "Me teneis hasta los güevos".
Non sei si á hora programada, ou cando cadrou, ante unha poboación carcearia dun cento de persoas, algún funcionario vixiante, Lola e máis eu (que fomos os dous únicos "civís" que conseguimos pase para entrar) saltou ao escenario Ex-Tensión Agraria, cunha mensaxe contundente do seu vocalista, Hervy, "traemos música para que os de fora queiran entrar para dentro". O tempo era escaso, no caldeiro taxan todo coa precisión dun afiador de gadañas, pero houbo tempo para escoitar: "Parcelaria Nom", "Ei Alcalde", "No esterco nacen as mellores flores", "Lume", "Corre" e "Pagaralo coa salú".
A Monterroso Experience levou o rock galego de Ex-Tensión Agraria á paisaxe máis internacional que se pode xuntar en Lugo. Moitas bandas poden guindar medallas presumindo de ter tocado na FNAC ou en grandes salas. Véxamos cantas teñen no seu haber á cárcere como escenario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario