4 dic 2012

Desmentindo ao Papa: os Reis Magos eran celtas


O cura de Xestoso precinta o Belén
Bieito XVI xa é home entrado en anos. Tantas viaxes da zeca para a meca (aquí aínda non foi) xa o teñen canso e aburrido. O escándalo provocado polo seu lacaio de confianza converteuno nunha persoa máis introvertida. Xa non quere ocuparse dos problemas mundanos do catolicismo: a pederastia, o desdén na loita contra a SIDA, o papel da muller na igrexa, a censura á teoloxía da liberación, o creacionismo. Todos son asuntos que xa compiten ao próximo pontífice.

Agora abriu conta no Twitter para establecer comunicación directa co seu rabaño de ovellas submisas. Hai que ter moita precaución con isto, si ben é certo, que xa podes confesar os teus pecados en 140 caracteres, procura non enviar mensaxes a #papa666 nin tuitear tres veces seguidas. Nestes casos aparécese Bieito XVI no salón da túa casa e nalgunha ocasión, porque hai tuiteros que aproveitan tódolos intres, no mesmo retrete.

Pero Bieito non quere pasar á Historia por ser participe da nova era tecnolóxica. Total, os papas xa tiñan contacto directo con Deus antes da invención da internet. O Papa vai deixar a súa pegada presentándonos un libro de investigación científica e rigorosa: "La infancia de Jesús". A relevancia do traballo foi ben acollida polas institucións académicas de máis prestixio.

A primeira medida do Papa foi proceder ao desafiuzamento do boi e da mula do portal de Belén. Decisión pouco afortunada nestes tempos, cando menos debía negociar unha moratoria coas dúas personaxes que levan instaladas no pesebre desde 1223. Queda desmentido, pola voz suprema do Vaticano, que foran cataláns ao servizo de Poncio Pilato os que executaran ao nazareno.

Agora tamén aprendo que os reis magos eran andaluces. Supoño que irían a Belén por afán aventureiro mentres cobraban o PER. Camelos con chepa non sei se teñen en Andalucía, pero nos xornais informan moito sobre movemento de "camellos" pola costa.

Poren aquí trabucouse a súa santidade. Os magos son celtas. E así da conta do feito San Paulo na Epístola aos gálatas, recollida no Novo Testamento cristián. E os gálatas eran xentes que vivían na provincia romana coñecida como Galacia, terra na actual Turquía, habitada por tribos migratorias celtas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario