
As rendas de Economía e Industria colleunas Francisco Conde, home da casa e asesor de Feijóo desde o ano 2009. Por anticipado, non se pode determinar que rumbo tomará agora esta Consellería, aínda que sospeitas sobre o continuísmo non faltan. Francisco Conde podería alterar a ruína económica e industrial do país cumprindo coas competencias que ten asignadas: a promoción económica, a investigación, desenvolvemento e innovación e a defensa da industria propia. Xa iremos vendo.
Na Galiza temos moitos sectores estratéxicos e todos (o case todos) están mergullados en conflitos, por un motivo ou por outro. Intentar resolver estas incidencias é unha prioridade. Pero tamén é necesario, imprescindible e urxente apostar pola I+D+I para xerar unha sólida base industrial creadora de emprego e sostible a longo prazo. Euskadi arriscou fai tempo por vertebrar a súa industria a través do coñecemento para facela competitiva nun mercado cada vez máis global. As comparacións son odiosas pero os resultados están á vista.
Un caso que me chamou a atención, e que pasou moi desapercibido nos medios de comunicación, foi o que aconteceu coa empresa Merkum. A sociedade dedícase á fabricación de produtos de electromecánica para enerxías renovables e tracción eléctrica. É unha empresa de base industrial reforzada con coñecemento e desenrolo cun proxecto estrela en marcha: a fabricación dun autobús urbano de tracción 100% eléctrico. Merkum acaba de instalarse en El Puerto de Santa Marías e en verbas do alcalde "será o maior desembarco empresarial vivido en Cádiz nas dúas últimas décadas". A inversión prevista é de 100 millóns de euros e a creación de 1.000 postos de traballo directos.
Ata aquí non hai nada anómalo. O proxecto do ebus é real. A aberración constátase cando un aprende que Merkum é unha empresa galega do Culleredo que emigra a Andalucía porque a Xunta rexeitou o proxecto e negoulle axuda.
Con políticas industrias nesta liña, sobran conselleiros de Economía e Industria.
Podedes ampliar información sobre o proxecto rexeitado pola Xunta na edición local de Ribeira, en LVG, 6/12/12.
No hay comentarios:
Publicar un comentario